Viaxes lendarias

O adxectivo lendaria, para o noso dicionario da RAG, ten dúas acepcións que se contradín. Cualificar á palabra como algo que non ten existencia real, que pertence á lenda, é, en principio, contrario a considerar algo ou alguén que ten gran renome e sona, polo tanto un ser real. Certo é que por veces, as cousas poder ser así ou todo contrario. Metafísica moi galega. Consideración que vén a conto da diferenza que se produce nos hábitos das persoas que viaxan polo mundo adiante, sexa aquí pretiño ou moi alén nos confíns do planeta. Tanto dá. Práctica multitudinaria en épocas do ano, caso da Semana Santa, se o tempo non impide ou limita como poder ser nesta ocasión. Velaí, o espírito aventureiro distínguese do simple turismo polo seu desexo constante de coñecer máis e deixarse sorprender polo que vai atopando. Procura a sorpresa, o coñecemento e compartir o descuberto co resto da humanidade. O aventureiro esfórzase por comprender outras culturas e superar barreiras, mentres que o turista quere experiencias superficiais e preocúpase máis por tomar fotos e imaxes en vídeo que por gozar do momento. Este último tende a coñecer lugares antes de chegar a eles a través dos medios de comunicación e as redes sociais, o que reduce a sorpresa e a maxia da viaxe. A facilidade que temos hoxe en día de viaxar convértenos a todos un pouco en turistas. Unha experiencia irrepetible é rara hoxe en día, xa que a maioría dos lugares foron rexistrados polos ollos doutros viaxeiros antes de que un novo chegue alí. Por iso, tamén é importante a lectura como unha forma de viaxar, xa que os viaxeiros a miúdo descobren lugares a través da literatura antes de visitalos. Así, cada persoa pode crear o seu propio mapa emocional dun lugar ou espazo territorial, enfocándose en temas específicos ou recunchos menos turísticos. Con todo, moito máis valor teñen aqueles relatos pioneiros. Un dos primeiros libros, cun milenio e medio de antigüidade, leva por título Itinerarium Egeriae. Asúmese que foi escrito por unha muller da Gallaecia. Misteriosa e mítica. Mesmo no verdadeiro nome. Menos aínda que fose monxa. Asegúrase que, partindo das “ribeiras máis afastadas do océano occidental”, foi ao Oriente comprobar que o que se relataba nas Sagradas Escrituras era certo. Por relixiosidade e curiosidade científica. A través dos seus escritos, proporcionou unha visión única da vida cristiá e as prácticas relixiosas na época en que viviu. Entre os lugares que Exeria visitou e describiu no seu itinerario atópanse Xerusalén, Belén o Monte Sinaí e Exipto, onde tivo a oportunidade de observar os seus costumes litúrxicos e as celebracións relixiosas. O seu relato tamén ofrece información valiosa sobre a liturxia e as prácticas de la Igrexa primitiva. Esta precursora dos libros de viaxes é lembrada pola súa contribución á literatura cristiá antiga. Valiosa é a narración das súas experiencias no contexto do cristianismo. Os seus escritos continúan sendo estudados por historiadores e académicos interesados na historia de la Igrexa primitiva e as viaxes na antigüidade. Son dunha galega lendaria.

Viaxes lendarias

Te puede interesar