Caldas abre o prazo para reservar postos na XI edición da Feira Tradicional

Caldas abre o prazo para reservar postos na XI edición da Feira Tradicional
Postos nunha edición anterior da feira | cedida

O Concello de Caldas abre o prazo para reservar postos de venda de artesanía, comida e outras mercadorías para a XI edición da Feira Tradicional galega de Caldas, que terá lugar o día 11 de agosto. As solicitudes para as 65 casetas admitiranse por estrito orde de chegada, quedando o prazo aberto ata o vindeiro 15 de xullo ou ata que se esgote a capacidade.


O tenente de alcalde, Manuel Fariña, fixo onte unha chamada á participación e implicación de asociacións, colectivos e persoas particulares na iniciativa co fin de acadar un novo récord de asistencia. As persoas responsables das casetas deberán ir vestidos de acordo á época na que se ambienta a feira, sen empregar tecidos sintéticos nin cores fortes, xa que as tinguiduras que estaban ao alcance da poboación rural daquela época non permitían cores moi estridente.


Nas normas para os postos lémbrase que “os homes adoitaban vestir con traxe mais ou menos raído, garabata e boina, tanto para as labores cotiás como nun día de festa, polo que ademais podían levar sombreiro”. A roupa das mulleres, pola súa banda, “marcaba moito a cintura e o busto, para ensancharse logo na cadeira, pero ían tapadas ata o pescozo, nos nocellos e nos pulsos. O pelo recollíase en moños de rosca altos ou unha trenza ás costas ou atavíos rústicos cubertos cun pano”, según indica.


As asociacións ou persoas interesadas en participar deberán presentar a solicitude cuberta xunto coa documentación a través da sede electrónica ou persoalmente no rexistro. O prazo estará aberto ata o 15 de xullo e unha vez recibida a solicitude comunicaráselle ás persoas solicitantes a súa admisión no prazo máximo dunha semana. O número de postos habilitados nesta edición é de 65. No caso de renuncia o participante deberá comunicalo á organización o antes posible para así poder cubrir a praza coa lista de agarda. 

Caldas abre o prazo para reservar postos na XI edición da Feira Tradicional

Te puede interesar