Fernando Otero (Río Gallo) | “Ás veces danme as dúas da mañá pensando cousas para a asociación”

Fernando Otero leva dende 2010 á fronte da Asociación Cultural e Xuvenil Río Gallo, en Cuntis. Recoñece que quizais lle adica máis tempo do que lle faría falta porque “penso moito”, pero o certo é que o gran éxito de acollida das actividades respáldao. Hoxe valora con nós a traxectoria e o futuro do colectivo.

 

Fáganos un pequeno resumo da historia da asociación. 
Nacemos en 2001 coa finalidade de organizar as festas patronais porque antes organizábanse por zonas. Pero como se facía inviable ir pagando por áreas, unificouse. Fixéronse en 2002, 2003 e 2004, con boa acollida por parte da xente de Cuntis. Despois marchamos en 2004 e voltamos en 2007 ata 2013. Foi unha etapa dura, laboriosa, pero moi satisfactoria, na que recuperamos a Santa Apolonia de Mesego xunto cos veciños. Eu estou de presidente dende 2010, despois de Tono Abal, ó que lle agradezo que me ensinara todo o que sei, xunto con Manuela Ferreiro.

 

Pedímoslle ó Concello de Cuntis que siga implicándose no asociacionismo e que non nos deixe tirados

 

Pero despois foron máis alá de organizar as festas, ampliando actividades...
A idea en 2013 cando marchamos era, ou disolver, ou continuar con outro tipo de actividades. Os que quedamos, que fomos poucos, decidimos facer outras cousas. O primeiro que fixemos foi traer a Carlos Blanco a Cuntis. Enchemos nunha semana duascentas e pico entradas. Despois, en 2016,  un grupo de persoas maiores plantexounos facer excursións e a primeira foi á Illa de Sálvora, 17 persoas, de 60 e 70 anos, en planeadoras, que foi unha experiencia incrible. E fomos mantendo esa dinámica.

 

Que evolución ve nestes máis de vinte anos de historia? A xente implícase máis, ou menos?
Depende. Esta semana temos a excursión á neve na que está implicada xente nova, temos 51 persoas inscritas. Pero no mes de abril hai unha excursión a Ribadavia e nesa está implicada a xente maior, que é a que paga a cota realmente. Pero este ano decidimos empezar a facer máis actividades para xente nova.

Rio Gallo Cuntis entrevista asociacio
Fernando Otero, quinto pola dereita na primeira fila, e os participantes da excursión á neve, posan en O Cebreiro | Cedida

Canto lle resta da súa vida persoal a implicacón coa asociación? 
É por etapas. Hai meses que son parados, como novembro e de-cembro. Pero despois en xaneiro empezan a saír as axudas e aí xa si. Aparte eu son unha persoa que penso moito. Entón, ó mellor adícolle máis tempo do que realmente fai falla. Igual son as dúas da mañá e sigo pensando cousas. De feito, hai dous anos non vía claro o de adicarnos só ás viaxes. Tamén aproveito para dicir que esta asociación foi a que iniciou o festival Revolta do Umia, que agora xa ten a súa propia asociación, na que tamén son presidente.

 

E de todas as actividades que fan, dinamización cultural, apoio a ONGs, etc., de cales está máis satisfeito? 
A min colaborar coas ONG paréceme moi necesario. O mes pasado viñemos á Protectora de Animais de Vilagarcía e trouxemos case 300 quilos de comida. Porque hai a percepción de que se pode regalar un animal e iso non é así. Entón, despois de Reis é cando as cousas se complican nas protectoras. Tamén colaboramos con Asanog (Asociación de Nenos Oncolóxicos de Galicia).

 

Teñen prevista unha viaxe en avioneta en maio. De onde sae esta idea?
Nunha viaxe que fixemos a Meira fixeime nunha torre de control e dixen: “isto ten que ser o aeródromo de Rozas, imos parar”. Deixáronnos visitalo e eu, que son un namorado da aviación, pregunteille a un dos pilotos se habería posibilidade de ir cun grupo de xente a facer unhas viaxes organizadas. Fixémolo e o éxito foi tal que se acabaron as prazas en tres días. E este ano retomámolo e ampliamos a dúas viaxes máis: temos 33 prazas.

 

A primeira viaxe que fixemos foi á Illa de Sálvora, 17 persoas en planeadoras. A experiencia foi algo incrible

 

Xa van pola terceira edición do Baño Performance. Cóntenos de que vai, para que non o coñeza.
Nunha viaxe que fixen a Ibiza fixeime en todo o que había nunha discoteca chamada Ushuaïa. Chamei a eses que vin, que se chaman Pablo Méndez Performance, e pregunteilles canto custaba. A idea era que nas rúas de Cuntis houbese actividades circenses e de performance. Presentei a memoria na Xunta e gustou, porque nos deron 62,5 puntos de 100. E concedéronnos a axuda para realizalo. A maiores das actividades para os nenos, ocurréusenos facer un tren turístico por Cuntis, algo que nunca houbera. E foi o que máis éxito tivo.

 

Por que me recomendaría que me apunte en Río Gallo?
Porque vas ter iniciativas para o que queiras. Vas estar contenta.

 

Como levan vostedes o tema económico, que adoita ser o máis complicado nas asociacións?
Unha parte da financiación págana os socios, que son 30 euros ó ano. Por outro lado, a axuda da Deputación adoita ser sobre 1.000 euros, a da Xunta son 5.000 euros e a nominativa do Concello, 3.000, aínda que a día de hoxe non sabemos nada dela. De feito quería pedir que o Concello siga implicándose no asociacionismo e que non nos deixe tirados. 

Fernando Otero (Río Gallo) | “Ás veces danme as dúas da mañá pensando cousas para a asociación”

Te puede interesar